Xoves, Outubro 10

Cabanas aproba unha nova ordenanza para regular a corta e saca de madeira

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas aprobou onte en pleno unha nova ordenanza que ten como obxectivo regular a corta e saca de madeira, co obxectivo de aumentar a protección dos camiños municipais e do dominio público en relación coas tarefas de corta e saca de madeira.

A ordenanza dota ao Concello de Cabanas da normativa necesaria para actuar ante os desperfectos causados por diferentes labores forestais, dando solución a unha problemática específica que afectaba ao concello até o de agora.

O texto tamén incide na protección medioambiental en relación a como deben de quedar os montes tras a realización dos traballos forestais nas fincas, e limita as plantacións de eucalipto ás zonas de solo rústico de especial protección forestal, e unicamente nos casos nos que previamente xa houbese eucalipto plantado.

“Con esta ordenanza Cabanas dótase dunha ferramenta que permite protexer as infraestruturas municipais e o medio ambiente das consecuencias dos traballos forestais que empregan maquinaria pesada, asegurando que o seu estado será o mesmo ao rematar os traballos”, sinalaron fontes do goberno local.

A nova ordenanza é froito dun intenso traballo dos servizos técnicos municipais durante os últimos meses e á coordinación das áreas de medio rural, medio ambiente e infraestruturas, para analizar as principais problemáticas derivadas das operacións de explotación forestal e trasladalas a unha norma que protexerá os bens municipais.

Share.

Comments are closed.