Mércores, Agosto 4

Cabanas aproba os Orzamentos Municipais para o ano 2021

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pleno do Concello de Cabanas aprobou esta mañá os Orzamentos Municipais para o ano 2021, cos votos a favor dos grupos de goberno (PSOE, BNG e AEC). Os grupos da oposición, PP e En Marea, votaron en contra.

As contas de Cabanas para o ano 2021 ascenden a un total de 3.055.016,33 €, o que supón un incremento de 156.334,08 € con respecto ao ano 2020, e que se debe á inxección económica de fondos procedentes da Deputación da Coruña, a través do programa POS+ 2021 destinado a gasto corrente, social e inversión municipal.

O departamento de Servizos Sociais, así como os de Infraestruturas e Servizos, son os que máis ven incrementado o seu orzamento de gastos para o próximo exercicio.

No caso de Servizos Sociais, este incremento é debido ao aumento dos gastos derivados da adquisición de material para a loita contra a pandemia da COVID-19, así como tamén pola ampliación da partida de dependencia ou aos gastos do novo contrato do Punto de Atención á Infancia (PAI). Ademais, tamén se dotan as partidas destinadas a axudas para a adquisición de material escolar ou para cubrir as vacinas que actualmente non financia o Servizo Galego de Saúde.

No caso dos departamentos de Infraestruturas e Servizos, increméntanse as diferentes partidas para dotalos de máis medios para a mellora do entorno. Ademais, o departamento de Servizos vese afectado polo incremento no custe do tratamento de residuos e no prezo das tarifas eléctricas. Co obxectivo de reducir estes custes, o Concello de Cabanas contratou unha empresa para analizar estes consumos e facturacións, atopar deficiencias e reducir os custes do servizo, ademais de estar previsto sacar a concurso o subministro eléctrico ao longo do próximo ano.

Os Orzamentos de Cabanas para o 2021 tamén contemplan partidas destinadas á promoción do comercio local, logo do éxito da campaña “Merca en Cabanas” celebrada neste 2020, así como á mellora medioambiental do Piñeiral da Madalena, unha vez concluído o minucioso estudo que avaliou a situación do mesmo.

En canto a obras, os Orzamentos prevén investimentos para a mellora de camiños, como as actuacións proxectadas para o Camiño de Chamoso (72.369,27 €), e as reparacións dos camiños de Horta, Pereiro e Río dos Caneiros (50.432,42 €), financiados na súa totalidade a través do plan POS+ Achega 2020.

Por último, o goberno de Cabanas tamén levará cabo as obras aprobadas no exercicio 2020 de melloras no saneamento e humanización da esquina situada entre a Avenida do Areal e a Travesía do Areal, así como a mellora das canalizacións no Parque do Areal, onde serán investidos 244.966,05 €, dos cales o Concello de Cabanas achegará 158.938,71 € de fondos propios procedentes do remanente de tesourería.

O alcalde e concelleiro de facenda, Carlos Ladra, valorou positivamente estes orzamentos “encamiñados a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Cabanas”, e puxo en valor “o compromiso social das contas municipais para dar resposta a unha crise económica e social provocada polo coronavirus”, cuxos efectos continuarán en 2021.

Maior transparencia na elaboración dos Orzamentos

O proceso de elaboración dos Orzamentos de Cabanas para o 2021 supuxo tamén un importante paso adiante en materia de transparencia, xa que por vez primeira foron presentados ás delegadas e delegados de persoal, co obxectivo de que puideran analizar os datos económicos correspondentes ao Capítulo 1, de gastos de persoal.

Por outra banda, os avances en materia de participación veciñal promovidos polo goberno local, e a posta en marcha neste ano do Consello de Participación Veciñal, permitiu que as entidades e asociacións do concello tivesen tamén acceso aos Orzamentos para a súa valoración antes da súa aprobación polo pleno.

Share.

Comments are closed.