Martes, Novembro 30

Cabanas aproba a súa ordenanza de normalización lingüística

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas aprobou onte en pleno, cos votos favorábeis dos grupos de goberno, a súa ordenanza de normalización lingüística, un texto normativo que reafirma o compromiso da entidade local co uso e promoción da lingua galega, e que sitúa a Cabanas no reducido grupo de concellos que a día de hoxe contan cunha ordenanza semellante no conxunto de Galiza.

A nova ordenanza establece o galego como o idioma oficial do Concello de Cabanas, e regula os seus usos como lingua de acceso e a lingua administrativa para convocatorias, resolucións, notificacións e, en xeral, para todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen en nome do Concello, sen prexuízo de que se poidan empregar outros idiomas cando sexa requirido ou necesario.

Outro dos aspectos nos que incide o novo texto normativo é no uso correcto da toponimia, favorecendo a recuperación dos topónimos tradicionais e demandando a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato por parte do Concello de Cabanas o uso correcto da toponimia oficial.

“A aprobación esta ordenanza supón avanzar no compromiso do goberno local pola promoción do uso e prestixio do galego, un novo paso tras a posta en marcha do Servizo de Normalización Lingüística”, sinalou Paula González, concelleira de normalización lingüística en Cabanas.

A ordenanza foi redactada polo Servizo de Normalización Lingüística co que conta o Concello de Cabanas desde o pasado mes de xuño, un servizo dotado de persoal técnico contratado en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e financiado parcialmente pola Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.