Cabanas anuncia o programa das Festas de Santa Marta

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas anunciou hoxe a programación das Festas de Santa Marta, que se celebrarán entre o xoves 29 de xullo e o domingo 1 de agosto. Serán catro días nos que o Paseo da Madalena estará cheo de actividades, adaptadas a todos os gustos e idades, así como tamén á situación sanitaria actual.

A noite do xoves 29 de xullo servirá de apertura das xornadas festivas en Cabanas, coa proxección da película “Cuñados”, ás 22.30 horas. O filme está dirixido por Toño López e ten como protagonistas a Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez.

Entre o venres 30 de xullo e o domingo 1 de agosto (todo o día) terá lugar a Feira de Santa Marta, que contará con preto de cen postos, nos que destaca a presenza de artesanía. En paralelo, durante eses tres días tamén se celebrará o campionato de baloncesto 3 x 3, ao que as persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe ao correo tresportrescabanas@gmail.com.

O venres 30 de xullo celebrarase Santa Marta Pequena, unha xornada na que as protagonistas serán as pequenas da casa. Ademais da animación de rúa a cargo de Discocleta desde as 17.30h, actuarán Festivaliño (entre as 17 e as 19.30h), Pakolas co seu show “Cores, contos e rock&roll con Ramona Órbita” ás 19.00h, e Mamá Cabra & Bellón Maceiras pechando a xornada a partir das 20.30h co espectáculo “A música das Buguinas”.

O sábado será o día do teatro e da música. Ás 18.30h representarase a obra teatral “Ghop!”, de Teatro ó Cubo, e ao remate comezarán a soar os primeiros acordes. As bandas locais Termita (19.30h) e Virginia Red (20.45h) precederán o concerto de A Banda da Loba, que terá lugar ás 22.00h.

A tarde do domingo estará protagonizada pola poesía e a música no marco da Troula da Verba, un evento que combinará actuacións en vivo de artistas como Hilda Rock e Diego Rodríguez, cos recitais de Paula Antía Rey, Tania Yáñez, Marcos Filgueiras, Uxía Sánchez e Lúa Vila, ademais da presentación das revistas Mazarelos e Domingo das Mozas, e dos libros Namoradeiras entre a pel (Tania Yáñez) e Santo Amaro (Antonio M. Fraga).

Co obxectivo de garantir as medidas de prevención da COVID-19, todos os eventos, agás o espectáculo de animación de rúa Discocleta, precisan de inscrición previa, para o que será necesario enviar un correo electrónico a cultura@cabanas.gal indicando os nomes completos das persoas asistentes e un teléfono de contacto. No caso de que esta reserva previa non complete o aforo, ou de non aparecer no día e hora da actuación, permitirase o acceso libre até completar o aforo.

As actuacións de Pakolas, Teatro ó Cubo e A Banda da Loba están enmarcadas dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Descarga | Díptico coa programación (pdf)

Share.

Comments are closed.