Cabanas anuncia as obras gañadoras do II Certame de Poesía

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Logo de terse reunido o xurado, formado por Antonio Tizón Barral, Henrique Sanfiz Raposo, e a concelleira de normalización lingüística, Paula González Grueiro, o Concello de Cabanas quere facer público o resultado do II Certame de Poesía, celebrado con motivo do Día das Letras Galegas.

Na categoría infantil – xuvenil resultou gañadora a obra “Os nosos maiores“, de Mencía Pereira González, de 11 anos e residente en Culleredo. O xurado valorou a referencia á actualidade do momento da pandemia da Covid-19, e a sensibilidade das relacións interxeracionais que se tratan no poema.

Na categoría adulta resultou premiada a obra “Unha mañá de maio“, de Lúa Vila Blanco, de 30 anos e residente en Pontedeume. Destaca o xurado a coherencia estrutural do poema, onde retrata dunha forma emotiva a arritmia e a inestabilidade de verse unha mañá de maio ao borde da loucura, así como os contrastes e xogos verbais nalgunhas estrofas e a mestura da linguaxe poética e vulgar.

O xurado tamén acordou na categoría adulta dar un accésit a Marcos Filgueiras Allegue, de 23 anos e residente en Cabanas, pola súa obra “Navíos de néboa”. O xurado considérao merecedor deste segundo premio pola mestura de referencias literarias cultas e da mitoloxía clásica coa realidade máis cotiá dun ambiente mariñeiro.

O acto de entrega de premios terá lugar o próximo sábado, 22 de maio, ás 19 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. Ademais dos premios ás obras gañadoras, o Concello de Cabanas tamén terá un obsequio para todas as persoas que participaron coas súas obras no certame.

Share.

Comments are closed.