Cabanas anuncia as gañadoras do “I Certame de Poesía”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +
O Concello de Cabanas vén de anunciar as persoas gañadoras do I Certame de Poesía organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística con motivo do Día das Letras Galegas adicado a Carvalho Calero.
Na categoría adulta resultou gañadora a obra “A perda”, presentada por María Esther Val Rodríguez (Narón, 57 anos) baixo o pseudónimo Olivia Castro, mentres que no premio infantil o xurado decidiu que fose un premio ex aequo entre as obras “O noso virus”, de Icía María Izquierdo González (Ferrol, 12 anos), que presentou o traballo baixo o pseudónimo Pomba Branca, e a obra “Vaite COVID 19”, de Manuela Feal Rivas (Cabanas, 10 anos), co pseudónimo ANPETU. A categoría xuvenil quedou deserta ao non presentarse ningunha obra nela.
O xurado estivo formado por Antonio M. Fraga, escritor nado en Nogueirosa (Pontedeume) e autor de diversas obras dirixidas ao lectorado infantil e xuvenil, a última a premiada “O bestiario científico de Anxos Nogueirosa”; a poeta Eva Veiga, autora de obras como “A luz e as súas cicatrices” e persoa moi ligada ás terras do Eume, e en especial ao lugar de Ombre (Pontedeume); e a concelleira de normalización lingüística do Concello de Cabanas, Paula González.
“Malia o alto nível das obras presentadas, o xurado coincidiu en destacar a presentada por María Esther Val na categoría adulta, pola súa especial calidade, e que compartisen premio as obras infantís presentadas por Icía Izquierdo e Manuela Feal, xa que ambas obras están moi ben traballadas e contan cunha boa musicalidade e estrutura poética que as fan merecedoras do premio”, sinalou a concelleira Paula González.
O Concello de Cabanas fará entrega dos premios ás autoras das obras gañadoras nun acto ao que se convidará a todas as persoas participantes, xa que todas levarán algún agasallo, e que terá lugar unha vez rematada a desescalada.
Share.

.