viernes, diciembre 13

Cabanas anuncia a programación das Festas de Santa Marta

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de anunciar a programación das Festas de Santa Marta 2020, unha edición diferente, xa que estará marcada polas medidas especiais de prevención establecidas pola COVID-19.

A programación de actividades arranca o venres 31 de xullo á mañá coa Feira de Santa Marta, unha feira extraordinaria que acollerá no Paseo da Madalena postos con diferentes produtos, e que estará aberta ao público durante toda a fin de semana en horario de 11 a 21 horas.

O mesmo venres 31, ás 22.30h, haberá sesión de cinema ao aire libre coa proxección do filme “Quen a ferro mata”, protagonizada por Luis Tosar e recomendada para maiores de 16 anos. O domingo día 2, tamén ás 22.30h, proxectarase a cinta “Los Futbolísimos”, unha opción para todos os públicos dirixida por Miguel Ángel Lamata. Por motivos de seguridade, en ambos casos é preciso reservar praza antes das 14 horas do xoves 30 de agosto chamando ao 981 495 959 (ext. 3).

O sábado 1 de agosto, a partir das 17 horas, o Mago Romarís ofrecerá o seu espectáculo “Maxia á feira”, e xa coa caída do sol, ás 20h, os será o momento da música coa actuación dun pasarrúas a cargo dos Festicultores.

Para o domingo (2 de agosto), data da tradicional romaría de Santa Marta, o Concello chama a recuperar a tradición dos xantares populares en familia e coas amizades ao longo do Piñeiral da Madalena, mantendo todas as medidas de seguridade en canto ao uso de máscaras, tamaño dos grupos e distancia interpersoal. A nota musical virá dada pola actuación do pasarrúas Latexo, que percorrerá o entorno co seu espectáculo a partir das 15.30h.

Desde o Concello de Cabanas animan á veciñanza e visitantes a participar das diferentes actividades programadas para desfrutar dunhas festas de Santa Marta “adaptadas aos tempos do coronavirus”, e piden a implicación de todas e todos para seguir as recomendacións sanitarias e facer que sexan “unhas festas seguras”.

As actividades pertencen á programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Share.

.