Cabanas amosará o seu potencial turístico en Equiocio 2021

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas amosará o seu potencial turístico en Equiocio 2021, un evento que terá lugar entre os días 5 e 8 de agosto nas instalacións de Covas, en Ferrol. Esta popular cita ecuestre da comarca de Ferrolterra celebra este ano a súa 30ª edición, que esta mañá foi presentada en Ferrol. Será un evento marcado polo aforo reducido e o cumprimento das medidas preventivas fronte á COVID-19, co obxectivo de permitir ás visitantes a desfrutar con seguridade da competición hípica – con récord de cabalos inscritos – como do resto de actividades deportivas e lúdicas organizadas arredor da cita.

Competición

No referente ás probas ecuestres, participarán máis de 300 cabalos nas diferentes competicións que se desenvolverán nas instalacións de Covas: concurso territorial de saltos, nacional de ponis e Concrurso Nacional de Saltos*** Cidade de Ferrol, a principal proba. En total competirán 280 xinetes e amazonas procedentes non só de Galiza, senón tamén de outras comunidades autónomas do Estado, ademais de Portugal, cunha decena de cabalos procedentes de terras lusas.

Sostibilidade e Turismo

Por outra banda, Equiocio reforza este ano a súa aposta pola sostibilidade, con novas medidas en materia de reciclaxe e mobilidade, e redobra o seu compromiso co entorno. Ademais, será un escaparate para o xeodestino Ferrolterra Rías Altas, con stands dos seis municipios da comarca polos que transcorre o Camiño Inglés, como Cabanas, ademais de Valdoviño e Ares.

Cabanas potenciará nesta feira as súas opcións de turismo slow e turismo de natureza, con especial énfase á súa situación preferente como acceso natural ás Fragas do Eume, ademais da oferta en materia de patrimonio indiano e praias.

Share.

Comments are closed.