O Concello de Cabanas acollerá os próximos 24, 25 e 26 de marzo o II Paseo da La, un evento que naceu coa pretensión de ser a primeira feira internacional de la artesanal con Denominación de Orixe.
Será un evento que englobará diferentes actividades nunha soa, a esencia artesanal da la en España, coas súas razas autóctonas, no incomparable marco do Concello de Cabanas, berce da Asociación de Mulleres Cabanas Rural, as cales marcaron un antes e un despois no mundo lanar.
No marco deste segundo Paseo da La organizaranse tamén diversas actividades, comezando o venres 24 de marzo cunha pasarela lanar na que se amosarán creacións a partir deste tecido.
O formato será como na primeira edición, desenvolvéndose faladoiros e obradoiros, así como a segunda edición da Feira Lanar con Denominación de Orixe Artesá, os cales terán lugar durante todo o sábado 25 e a mañá do domingo 26 de marzo de 2023.
A entrada ao Paseo da La será libre e gratuíta.
Carlos Ladra, alcalde do Concello de Cabanas, invita a toda a veciñanza a participar neste evento de grande interese cultural non só para o noso concello, poñendo a Cabanas como referente lanar, senón tamén para apoiar ao sector primario a través da compra destas las con Denominación de Orixe.
Por parte do Concello agradécese a iniciativa de Beatriz Carbón e Lola de Logaro de propoñer a realización do I Paseo da La en Cabanas, evento que ten a pretensión de converterse nun acontecemento anual.