Avanza a gravación da peza audiovisual sobre o proxecto EspadELA

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Nos últimos días estivéronse a realizar as gravacións para a peza audiovisual que porá a guinda ao proxecto EspadELA, unha escola de empoderamento feminino destinado a mulleres do rural. A actividade, impulsada pola concellaría de igualdade do Concello de Cabanas, en colaboración coa Cooperativa Arabías e o Sindicato Labrego Galego, contou co financiamento da Deputación da Coruña para o seu desenvolvemento.

Un total de oito mulleres do rural de Cabanas participaron nos talleres que se desenvolveron durante o outono e inverno pasados, entre elas Nieves López, unha das persoas protagonistas dun vídeo no que se falará de coidados, de traballos de mulleres, e de vidas femininas no rural galego atravesadas pola COVID-19.

Os talleres do proxecto EspadELA buscaron crear espazos de traballo no plano persoal para mellorar as condicións de vida das mulleres no rural, coa intención de que estas mudanzas puideran espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino.

En total, desenvolvéronse catro talleres: “Con voz propia”, para traballar a autoestima, a participación, o liderado e a prevención de violencias machistas; “Enredadas”, sobre o uso das tecnoloxías e as redes sociais; “Habitando o noso corpo”, no que se traballou o autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional; e “Saberes en común”, orientado a recuperar e poñer en común saberes, coñecementos e experiencias sobre os diversos traballos desenvoltos ao longo da vida.

Share.

Comments are closed.