“As baterías da costa”, nova exposición no Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas acollerá durante a segunda quincena de xullo a exposición “As baterías de costa da provincia da Coruña”, unha mostra cedida temporalmente pola Deputación da Coruña. Consta de 20 paneis nos que se recolle a ubicación, descrición e funcionalidades destas construcións estratéxicas, historicamente indispensábeis para a protección das prazas de Ferrol, A Coruña e do territorio marítimo do Golfo Ártabro.

Ademais, o luns 18 de xullo ás 20.00h contarase coa presenza de José María López Hermida, estudoso da historia militar, e José María Yáñez Rodríguez, xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña, especialista no patrimonio construído na provincia. Ambos son coautores do libro “La defensa de la costa. Provincia de A Coruña”, e ofrecerán un relatorio sobre a importancia histórica e o valor patrimonial destes elementos defensivos nas nosas costas. A entrada é libre até completar o aforo.

A exposición “As baterías da costa” forma parte das actividades programadas polo CIMM de Cabanas destinadas a divulgar, visibilizar e dinamizar os recursos patrimoniais do noso territorio. Estará aberta ao público entre os días 16 e 30 de xullo no horario habitual de apertura do CIMM (de 9 a 15h de martes a xoves;  venres, sábados e domingos de 11 a 14h e de 15 a 18h; luns pechado por descanso do persoal).

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas é un proxecto impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, e conta con financiación de fondos FEMP a través do GALP Golfo Ártabro Norte.

Share.

Comments are closed.