O Concello de Cabanas colabora co Concello de Fene na “Andaina Debuxada”, que terá lugar os días 12 e 13 de xuño polo Camiño Inglés, ao seu paso polas comarcas de Ferrolterra e do Eume, e que consiste en percorrer en dúas etapas o percorrido, con paradas para ver debuxar a diferentes artistas. A primeira etapa terá lugar o sábado 12 de xuño, percorrendo os concellos de Ferrol, Narón, Neda e Fene (23 quilómetros), mentres que a segunda celebrarase o domingo 13 de xuño, facendo o treito Fene, Cabanas e Pontedeume (11 quilómetros).
Ao longo do percorrido, as persoas participantes na andaina poderán disfrutar de ver ver debuxando ao vivo en diferntes lugares do percorrido ás artistas Elga Fernández Lamas (Xardíns de Herrera, Ferrol), Blanca Escrigas (Santa María de Caranza), Carmen Martón (mosteiro de San Martiño de Xuvia, Narón), Leandro lamas (muíño das Aceñas, Narón), Calros Silvar (albergue de Neda), Cristian F. Caruncho (Igrexa de San Nicolás, Neda), Xaquín Marín (Museo do Humor, Fene), Laura Bouza LauDas Calamity. Laboratorio de Creación Artística (Casa do Concello, Fene), Beatriz Seijo – Artist (Camiño de Mundín, Fene), Dulce Anca (Fonte de Santa Lucía, Cabanas), Juan Manuel Rubio Lozano Picapinos (Praia da Madalena, Cabanas e Confradía de Pontedeume) e Hugo Feal (Alameda, Pontedeume).
O percorrido contará cun guía que acompañara ao grupo e irá presentando aos diferentes artistas nas paradas previstas, ofrecendo tamén explicacións sobre o patrimonio material e inmaterial arredor do Camiño Inglés. Ademais, o Concello de Fene disporá autobuses para facilitarlles o regreso ás persoas que participen na andaina. No caso de empregar o autobús, a inscrición é obrigatoria, e as persoas interesadas deben enviar un correo a vinetasdocamino@fene.gal, indicando o nome e apelidos das persoas participantes, un teléfono de contacto e a parada na que baixarán do autobús:
- O primeiro día – sábado – o autobús irá de regreso desde a Casa do Concello de Fene até o Peirao de Curuxeiras – punto de partida do percorrido – facendo paradas na Casa da Cultura de Neda, a Ponte de Xuvia, a praza da antiga Casa do Concello e Narón, a rotonda de Megasa e Caranza.
- O segundo día – doomingo – o itinerario de regreso chegará desde Pontedeume até Fene, con parada en Laraxe.
Para máis información, pode visitarse a páxina web do proxecto nesta ligazón.