Ana Belén Fernández gaña o III Certame de Poesía do Concello de Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O xurado do III Certame de Poesía do Concello de Cabanas, formado polos autores Andrés Martínez Riveira e Ana Belén Varela Miño, xunto coa concelleira de normalización lingüística, Paula González Grueiro, vén de fallar o premio do certame organizado con motivo de celebración do Día das Letras Galegas.

Ana Belén Fernández, de 45 anos e residente en Mondariz, resultou gañadora coa súa obra “Augas rescatadas” baixo o pseudónimo Estruga.

Para Andrés Martínez, “este poema proe coma unha ortiga. A evocación dunha paisaxe familiar en “Augas rescatadas” sérvelle á poeta para levarnos da man a través dos anos, nun paso da inocencia infantil á progresiva toma de conciencia da situación en que se atopa a voz poética, e constrúe un plano lúgubre repleto de imaxes poderosas na súa sinxeleza. Afúndenos baixo a auga xunto coa muller que fala. Incapaz de ceibarse na contundencia da súa reivindicación silenciosa, teima inutilmente por sacudir de enriba o peso do pasado, que terma dela cara o fondo como unha pedra anoada aos pés. Debuxa o que puido ser e non foi. Un traballo de execución esmerada e desenvolvemento moi coherente, cunha hábil mistura na súa disposición versal e gran equilibrio entre a amplitude expresiva e a concisión temática”.

Pola súa banda, Ana Belén Varela sinalou que ““Augas rescatadas” é un texto que nos leva da man, que nos invita a atravesar un río de afogamentos inacabados cheo de imaxes limpas e potentes, de lampreas que chaman por nós e de fíos familiares que nos sosteñen. Reflectícmonos canda a voz poética nesas aguas e debatémonos entre deixalas atrás ou botar raíces nelas. A autora deseña con habilidade un mundo simbólico, cunha linguaxe coidada e precisa que lle confiren ao poema unha escrita elegante que nos atrapa.”.

A entrega de premios terá lugar o próximo venres, 27 de maio, ás 18.30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Esta actividade conta cunha subvención da Xunta de Galiza.

Share.

Comments are closed.