Mércores, Abril 24

Ampliado o prazo para participar no Programa Integrado de Emprego (PIE) dirixido a mulleres até o 13 de xaneiro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Programa Integrado de Emprego (PIE) 2022/2023 vén de ampliar o prazo de presentación de solicitudes de participación até o próximo venres, 13 de xaneiro. Está dirixido a mulleres en situación de desemprego empadroadas no concello de Cabanas, ademais de Ares, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño que cumpran algunha das seguintes condicións:

  • certificado de discapacidade
  • risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia
  • vítimas de violencia de xénero
  • menores de 30 anos con baixa cualificación
  • estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego)

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2022/2023 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral. Os medios que se utilizan para a consecución do obxectivo son moi diversos e adaptados ao perfil de cada persoa.

Con este fin, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas tanto cualificantes (agricultura ecolóxica, peixaría, cociña, limpeza industrial, comercio, reparación de móbiles, xestión de comunidades virtuais…) como de tipo transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…). O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa. O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%.

É importante subliñar que todas estas accións se apoiarán con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñan menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7€ por día de asistencia ás accións do programa.

Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen non só a súa cualificación senón que, ao mellorar o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral, poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

As mulleres interesadas poden ampliar información en www.comarcaferrolterra.es ou poñéndose en contacto coa área de emprego en emprego@cabanas.gal.

Share.

Comments are closed.