Actos de clausura dos obradoiros de emprego “Reinicia VII” e “ÁrtabroEmprende”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

No día de onte tiveron lugar os actos de clausura dos obradoiros de emprego “Reinicia VII” e “ÁrtabroEmprende”, respectivamente, nos que o Concello de Cabanas participou en colaboración con outros concellos da zona e a Xunta.

Na sede das Alianzas Aresás celebrouse a última xornada do obradoiro “Reinicia VII”, organizado conxuntamente polos concellos de Cabanas, Ares, Fene, Mugardos e Neda, á que acudiu a concelleira de servizos de Cabanas, Eva García, xunto con respresentantes municipais do resto de concellos involucrados, alumnado, persoal docente dos cursos formativos e a secretaria territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez.

No acto, o alumando – traballador recibiu os diplomas e certificacións de profesionalidade por parte das autoridades, que acreditan máis de 550 horas de formación teórica e práctica nos cursos de Traballos de Carpintería e Moble e Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes, cada un deles con dez persoas participantes.

Por outro lado, a Casa do Concello de Miño acolleu o acto de clausura do obradoiro “ÁrtabroEmprende”, un proxecto conxunto entre os concellos de Cabanas, Miño, Monfero, Pontedeume e Paderne. Acudiu ao encontro o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, xunto con representantes políticos dos outros concellos, ademais da xefa territorial da Consellaría de Emprego e Igualdade, Judit Fontenla.

De maneira análoga ao outro obradoiro, o ÁrtabroEmprende formou un total de 20 persoas a través dos cursos que se impartiron, centrados no mantemento de xardíns e limpeza de espazos abertos e zonas industriais.

Incentivos á inserción e contratación laboral

A iniciativa tamén establece axudas á inserción laboral do alumnado – traballador, coa concesión por parte da Consellaría de Emprego e Igualdade dunha liña de subvención á contratación temporal por conta allea. Así, destinaranse un total de 7.500 euros para as empresas que contraten a xornada completa, por un período mínimo de 3 meses, a algunha das 20 persoas participantes nos cursos Reinicia VII. A concesión será de 1.500 euros por contrato, polo que se poden facer un máximo de 5 incorporacións subvencionadas. O prazo de presentación de solicitudes por parte das empresas contratantes abre hoxe, e se estenderá até o 19 de outubro.

Descarga | Bases convocatoria

Share.

Comments are closed.