Abre ao público a renovada Oficina de Información Turística de Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas abre este xoves ao público a Oficina de Información e Turismo (OIT), situada no Parque do Areal, cun horario de atención ao público de 9 a 15 horas durante os días de Semana Santa, quedando xa activo o servizo para os vindeiros meses.

As persoas que se acheguen até este punto de información, poderán recibir en formato papel ou electrónico planos, folletos e outra documentación sobre Cabanas, o Camiño de Santiago e a provincia da Coruña, ademais de información sobre horarios de acceso ao patrimonio, transporte e actividades.

“Todas as previsións apuntan a que nesta tempada superaranse as cifras de visitantes de anos anteriores, e estamos preparadas para que as persoas que queiran coñecer Cabanas e o seu entorno poidan recibir a información que necesitan e descubrir todo o que temos para ofrecer”, sinalou o tenente alcalde e responsábel de turismo, Iago Varela.

O servizo de atención a visitantes de Cabanas está cofinanciado pola área de turismo da Deputación da Coruña.

Cambio de imaxe

A apertura ao público da Oficina de Información e Turismo tamén supón a estrea da nova imaxe da mesma, logo das actuacións de mellora exterior executadas pola área de turismo municipal. Entre estas melloras inclúese un recubrimento formado pola composición de imaxes de diferentes puntos do concello de Cabanas.

“Este cambio de imaxe contribúe a mellorar a estética da OIT e a súa integración no entorno, abrindo unha xanela a descubrir os diferentes lugares de Cabanas, a súa gastronomía ou as actividades que se poden levar a cabo no noso concello”, indicou Varela, quen tamén quixo agradecer e poñer en valor a cesión de varias das fotografías empregadas no mosaico por parte do cabanés Miguel González Llanos.

Share.

Comments are closed.