Sábado, Abril 20

Aberta a inscrición para participar no roteiro do mes de setembro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de deporte, informa do roteiro que se realizará neste mes de setembro, un percorrido circular que pasará polos seguintes lugares: Concello de Cabanas – Casco antigo – Pedra do Couto – A Veiga – Concello de Cabanas.

Realizarase o sábado 25 de setembro, con saída ás 10:00 horas desde o Concello de Cabanas. Tratarase dun percorrido de 8 quilómetros, cun desnivel de subida sobre 150 metros, polo que a súa dificultade será fácil, con algunhas ramplas cortas pero acentuadas. Será unha ruta que durará a mañá.

Tratarase dunha bonita ruta circular que, desde o Concello, levará polo casco antigo de Cabanas pasando pola súa igrexa e o pazo prioral de Caaveiro. De aí ascenderase ás zonas máis altas desde onde se desfrutará dunhas fermosas vistas sobre o concello e a ría de Ares.

O prazo de inscrición comeza hoxe xoves 16 de setembro e rematará o xoves 23 de setembro de 2021. Poden inscribirse enviando un correo electrónico a deporte@cabanas.gal. Os datos necesarios para a inscrición son os seguintes: nome e apelidos, NIF e data de nacemento e nº de teléfono. Co obxectivo de recoller estatísticas das actividades organizadas pola concellaría de deportes, agradécese indicar tamén a localidade de procedencia.

A actividade axustarase ás medidas de prevención específicas establecidas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. A data de hoxe, permítense grupos de ata un máximo de 30 persoas máis o monitor (procurando manter a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da ruta, excepto no caso de persoas conviventes), polo que as prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

Recoméndase levar roupa e calzado axeitado (botas ou zapatillas de montaña con taco). Do mesmo modo, lémbrase que toda actividade física require dun mínimo de preparación e estar exentos de patoloxías médicas que desaconsellen esta actividade deportiva.

Share.

Comments are closed.