A fin de semana do 10, 11 e 12 de xuño, o Paseo da Madalena acollerá a primeira edición presencial de “El mundo teje”, un encontro internacional arredor da la que se centrará nas razas de ovellas españolas e, especialmente, na ovella galega. Trátase do segundo encontro, logo dunha primeira edición celebrada online o ano pasado na que o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, comprometeuse a acoller a primeira edición presencial (segunda online) desde Cabanas.
O evento está impulsado por Bea Carbón e Lola de Logaro, e nace coa idea de defender a transformación da la de xeito artesanal, usando a materia prima dun xeito circular e pondo en valor as razas en perigo de extinción, como a o vella galega.
Persoas como Winelvi Manuel Alfonzo Troconis, Yasmin Yvelise Ramírez Contreras, Johanna Alejandra Mateluna Bascur, Sylvana Teresita Ascione Krauch e Pilar Robles, estarán en Cabanas no próximo mes de xuño amosando algunhas das 17 empresas e proxectos, entre os que se inclúen Alpacana, dlana, El Robledal de la Santa, Las Hidalgas ou Wooldreamers, ademais de Cabanas Rural, Do Acivreiro, Granxa Feal ou as transformadoras Bea Carbón e Lola de Logaro. Tamén participarán de forma telemática Elena Galán, Huanaco, Muterbeltz, Manos del Uruguay e La Morena, entre outros. Todos eles comparten, ademais da paixón pola la e o tecido, o compromiso polo consumo local.
Lá con Denominación de Orixe (D.O.)
Esta edición estará centrada no proceso artesanal, presentando en Cabanas diferentes proxectos, algúns de maneira presencial e outros online, ademais de servir de punto de encontro para o análise e a compartición de saberes.
En España existen 32 razas de ovella en perigo de extinción, e entidades como Asovega traballan para a recuperación destas, neste caso, para o ovella galega.
Museo etnográfico da la
O Concello de Cabanas está a preparar na Escola Laica, sede da futura Casa da Cultura, o Museo Entográfico da La, para o cal mercouse recentemente material etnográfico que axudará ao Concello no seu proxecto de apoiar as tradicións que conforman o legado dos nosos ancestros.
“Non é doado conseguir material como un tear antigo ou outros utensilios propios da fía da la, polo que a súa adquisición é unha grande oportunidade para que o Concello de Cabanas poida contribuír a manter oficios tan antigos como o fiado”, sinalou o alcalde, Carlos Ladra.
As previsións do Concello de Cabanas apuntan a que tanto a Casa da Cultura da Escola Laica, como o Museo Etnográfico da La poidan abrir as súas portas no último trimestre do ano 2022, cunha exposición permanente deste material, que pretende manter un vestixio tanxíbel do noso pasado, formando parte dunha técnica de investigación fundamental da antropoloxía social e cultural dun valor incalculábel.