O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Igualdade, conmemora este xoves 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, coa oceanógrafa e divulgadora científica Ángeles Alvariño como principal protagonista.
Coñecida por ser a primeira científica en traballar en barcos de exploración españois e británicos, Ángeles Alvariño levou a cabo diversas investigacións, entre as que destacan as que a levaron a describir 22 novas especies de zooplancto mariño e a crear novos indicadores das condicións mariñas, ao longo da súa carreira tanto no Estado español (Madrid e Vigo), como posteriormente nos Estados Unidos.
“É necesario poñer en valor o traballo de mulleres como Ángeles Alvariño e divulgar o seu legado. Precisamente esa divulgación do labor das mulleres no mar será un dos piares do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas, un centro pioneiro na Galiza cuxa construción avanzará nos próximos meses”, sinalou Paula González, concelleira de igualdade de Cabanas, quen destacou “a importancia de que as nenas poidan escoller en liberdade a profesión que aman e reivindicar o seu papel na ciencia”.
Divulgación de contidos científicos
Para conmemorar esta data, o Concello de Cabanas divulgará ao longo de toda a semana contidos e recursos audiovisuais que afondarán no papel da muller na ciencia, a través da páxina web cabanas.gal e das redes sociais do propio Concello.