A Mancomunidade remata as obras no refuxio de Mougá, que aumentaron un 70% a súa capacidade

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada polos concellos de Cabanas, Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño, vén de rematar as obras de ampliación do refuxio de animais de Mougá, un proxecto que foi adxudicado por 119.876,77 euros, e cuxos traballos fixéronse tendo en conta as indicacións da veterinaria responsábel do centro de da veterinaria da Consellaría de Medio Ambiente, que previamente inspeccionou as instalacións. Os alcaldes de Cabanas, Carlos Ladra; Ferrol, Ángel Mato; Fene, Juventino Trigo; Ares, Julio Iglesias; Valdoviño, Alberto González; e o concelleiro Miguel Mahía, de Mugardos, visitaron esta semana as  instalacións.

O refuxio de animais de Mougá ocupa unha superficie de 1.000 metros cadrados na que se dispón de compartimentos para a estancia de animais, conta cunha clínica veterinaria e salas de corentena para animais e dun lazareto para animais enfermos. As obras de ampliación incluíron a construción dun módulo cuberto para o aloxamento de outros 50 cans e outro, tamén cuberto, para gatos, cun patio pechado, que inclúe tres novos espazos para gatos, con capacidade para 12 cada un, en total 36 novas prazas. Polo tanto, a construción destes dous novos módulos aumentaron a capacidade do refuxio nun 70 % aproximadamente, aumentando as prazas para cans de 70 a 120 e de gatos de 40 a 76. Estes traballos foron acompañados por outras actuacións, como o saneamento de augas pluviais e melloras no alumeado, coa súa ampliación mediante proxectores led.

A ampliación nas instalacións do refuxio que a Mancomunidade vén de rematar foron sufragadas integramente polos concellos membros. Incrementouse a superficie ocupada, que pasa dos 1.000 metros cadrados a 1.350, dos que 228 están destinados ás novas dependencias para cans e gatos. Polo tanto, a intervención supón un aumento da capacidade do refuxio e melloras na xestión dos animais que permiten, por exemplo, a separación de animais infecciosos ou contar con espazos para mantelos abrigados da intemperie. Tamén se acondicionou unha nova zona de xogo para os animais.

Rescate de cinco crías de gato con escasos días de vida

Precisamente esta mesma semana a Policía Local rescatou da rúa cinco crías de gato con escasos días de vida. Grazas a un veciño que deu alto á patrulla puidéronse poñer a salvo a 5 crías e poñelas en mans do Refuxio de Mougá.

Desde o Concello lémbrase que no caso de atopar animais abandonados, deben poñerse en contacto coa policía local ou protección civil a través do teléfono 112. Ademais, o Concello está a traballar para levar a cabo un plan de control de colonias felinas, dado que nos últimos anos están a incrementarse notabelmente.

Share.

Comments are closed.