Domingo, Setembro 26

A exposición de Viñetas do Camiño chega a Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Parque do Areal acolleu esta mañá un encontro de representantes dos gobernos de Cabanas e Fene pola posta en marcha da exposición Viñetas do Camiño, un proxecto impulsado polo Concello de Fene e incluído no programa O Teu Xacobeo 21. No parque cabanés pódese visitar un dos seis cubos que forman parte desta exposición, mentres que o resto atópanse nos concellos de Fene, Pontedeume, Neda, Narón e Ferrol, polos que tamén transcorre o Camiño Inglés na nosa comarca.

O alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, xunto co tenente alcalde e edil de turismo, Iago Varela, a concelleira de infraestruturas, Concepción Rodríguez, e a concelleira de servizos, Eva García, foron as persoas encargadas de recibir á delegación fenesa, formada polo seu alcalde, Juventino Trigo, e os edís de cultura e turismo, Justo Ardá e Ana Basoa, respectivamente.

Os seis cubos que forman parte desta exposición acollen obras dos diferentes artistas que participaron na “Andaina Debuxada” celebrada hai unhas semanas, un percorrido polo Camiño Inglés desde Ferrol até Pontedeume, no que as participantes foron facendo paradas para desfrutar da pintura en directo de diversos artistas da comarca. No caso do cubo situado no Parque do Areal, as obras expostas están realizadas por Beatriz Seijo e Dulce Anca.

Share.

Comments are closed.