A Cabalgata de Reis percorrerá Cabanas este mércores

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A A.C.R. Cabalgata de Reis de Cabanas organiza un ano máis, en colaboración co Concello de Cabanas, a tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá o concello o próximo mércores, 5 de xaneiro, nunha edición que estará marcada pola situación epidemiolóxica da COVID-19.

Co obxectivo de evitar as aglomeracións e o contacto directo, a comitiva non realizará ningunha parada durante o percorrido polo concello, aínda que as nenas e nenos que se acheguen a saudar aos Reis Magos e aos paxes reais que os acompañarán ao seu paso por Cabanas recibirán unha bolsa de caramelos sen glute.

O percorrido da Cabalgata Real ao seu paso por Cabanas iniciarase na Praia da Madalena (arredor das 16.45h), para logo pasar pola Casa do Concello (17.00h), Lavandeira (17.30h), Laraxe (18.15h) e San Martiño (18.45h). A continuación, as súas Maxestades Reais seguirán co seu plan de entrega de agasallos ás crianzas de todo o mundo, uns traballos que prevén iniciar na noite do día 5 e que se estenderán durante toda a madrugada do día 6 de xaneiro.

De cara a recibir os regalos nas súas casas, desde o Concello de Cabanas lembran á veciñanza a necesidade de deixar algo de avituallamento debaixo das árbores para os Reis Magos e os seus camelos, e recomendan apostar por produtos de proximidade mercados no comercio local.

Share.

Comments are closed.