Noticias

Aula de Apoio Socioeducativo
  • Xoves, 28 Xuño 2012

Buscar ofrecer ferramentas de apoio e dar unha alternativa durante o tempo de verán que permita a mellora dos resultados académicos. Con isto en mente, o Departamento de Servizos Sociais do Concello pretende levar a cabo unha Aula de Apoio Socieducativo dirixida ó alumnado de 1º e 2º da ESO do IES “Fragas do Eume”. Esta Aula de Apoio empezará a funcionar o día 10 de xullo, rematando o prazo de inscrición na mesma o próximo luns 2 de xullo.

Unha profesional especializada en psicopedagoxia e en educación social será a encargada de impartir esta actividade, que consistirá nunha sesión semanal cunha duración dunha hora e media. Desta forma, os alumnos de 1º da ESO terán a súa sesión os martes, mentres que es o de 2º da ESO o farán os xoves. O horario tanto para uns como para outros será de 10:30 a 12:00 horas e o lugar escollido para levar a cabo a actividade será o Antigo Concello de Cabanas.

Con esta actividade buscarase un dobre obxectivo. Por un lado pretendese mellorar as competencias académicas nas técnicas de traballo intelectual, previndo o fracaso e o abandono escolar e por outra banda buscase desenvolver o autocoñecemento e a autoestima, a educación en valores, as habilidades sociais e axudar na resolución de conflitos, promovendo a educación e a integración social. Deste xeito, os contidos e actividades que se van a realizar co alumnado participante consistirán principalmente en tarefas de motivación, reforzo e acompañamento educativo, competencias en aprender a aprender, mellora da autoestima e competencia persoal, habilidades sociais e de comunicación ou traballos sobre a competencia social e cidadá.

Aquelas persoas que estivesen interesadas en obter máis información sobre esta actividade ou ben quixesen forma parte de ela, poderán dirixirse ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou telefonicamente no 981 49 59 59.

Fin de curso do Obradoiro de Maiores
  • Luns, 25 Xuño 2012

A Concellería de Servizos Sociais de Cabanas, enmarcado dentro do seu programa de envellecemento activo, ten previsto levar a cabo este martes un obradoiro sobre o consumo responsable de fármacos co que se poría fin a esta actividade. O lugar escollido para impartir este obradoiro será a Escola Laica e o horario de once a doce e media da mañá. Este obradoiro realizarase en colaboración con ASFEDRO (Asociación Ferrolá de Drogodependenzas). Posteriormente en outubro deste mesmo ano está previsto que se retome este mesmo programa.

Os obxectivos deste curso son os de concienciar a aquelas persoas (sobre todo xente de idade avanzada) usuarios de fármacos, dos riscos que conleva a mestura con outros fármacos non diagnosticados por un especialista. Informarase tamén sobre os riscos asociados á mestura de fármacos con alcohol, e outras substancias, situacións dun alto risco que son motivo dun gran número de accidentes domésticos e noutros espazos.

Neste obradoiro daranse unhas nocións moi básicas sobre os fármacos xenéricos, que tanta polémica están a crear, e aclararanse as principais diferenzas cos fármacos de marca. Para rematar exporanse algúns consellos co fin de favorecer a organización dos fármacos nas diferentes tomas do día.O curso está aberto a todas aquelas persoas que teñan interese ou curiosidade polo tema, sendo gratuíto.

Ademais, ó finalizar o obradoiro deste martes, e como acto final do curso, farase unha entrega de diplomas a todas aquelas persoas que participaron ó longo do ano. Nesta entrega estará presente o Concelleiro de Servizos Sociais, Juan Antonio López. Poderán recadar máis información nos Servizos Sociais do Concello de Cabanas ou chamando ó 981495959.

I Torneo de Pádel Concello de Cabanas
  • Venres, 18 Maio 2012

O Concello de Cabanas está organizando o seu I Torneo de Pádel, que terá lugar na Área Recreativa e Deportiva de A Veiga os vindeiros días 29 e 30 xuño e 1, 6, 7 e 8 de xullo. O prazo de inscrición neste torneo rematará o próximo día 15 de xuño. O mesmo estará composto por tres categorías diferentes: Masculina (1ª, 2ª e 3ª categoría), Feminina (1ª, 2ª e 3ª categoría) e Mixta en cadro único. O prezo de inscrición será de 10 euros para os empadroados no Concello de Cabanas e 15 euros para os non empadroados. Aqueles que desexen participar en dúas categorías terán unha cota de 15 euros.

Bases do I Torneo de Padel de Cabanas

Ficha de inscrición

Pleno Extraordinario do 26 de abril de 2012 (19:00 horas)
  • Xoves, 26 Abril 2012

O próximo día 26 de marzo, ás 19:00 horas e no salón de sesións da Casa do Concello, terá lugar unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación, no que se tratarán os seguintes asuntos:

1.- Modificación do regulamento de réxime interno do PAI de As Viñas.

2.- Modificación do prezo público do servizo do PAI de As Viñas.

3.- Concertación de operación de crédito.

4.- Creación de ficheiros de datos de carácter persoal.

Pleno Extraordinario do 26 de abril de 2012 (18:00 horas)
  • Xoves, 26 Abril 2012

O próximo día 26 de abril, ás 18:00 horas e no salón de sesións da Casa do Concello, terá lugar unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación, no que se tratarán os seguintes asuntos:

1.- Declaración institucional en apoio ó futuro dos estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol.

Manifesto pola defensa do Patrimonio Natural
  • Luns, 02 Abril 2012

Galicia é verde. Os nosos montes son un patrimonio dun incuestionable valor. Tanto pola súa importancia como reserva de natureza, de pulmón que nos fornece de osíxeno, como polo seu potencial grazas ás diversas actividades económicas que xiran ó seu redor. A vida dos galegos está vinculada moi estreitamente co verde dos nosos montes, coas nosas fragas, cos nosos bosques e carballeiras.

É por iso que non podemos facer outra cousa que condenar enerxicamente as actuacións deses individuos que movidos non se sabe por qué estrañas intencións atentan contra os nosos montes prendéndolles lume. Porque estas accións veñen a supoñer unha agresión directa contra a nosa forma de vida. Porque poñen en perigo os nosos ecosistemas e a vida de especies animais e vexetais que moitas veces non se poden recuperar. Os pirómanos que lle prenden lume a Galicia teñen que saber que a sociedade está farta, que non está disposta a seguir permitíndolles andar impunes logo do dano que nos están a facer, xa non só a nós, senón tamén ós nosos fillos e fillas, netos e netas, que ven como espazos de gran valor natural se estragan pola acción duns desalmados.

Todos debemos ter moi claro que incendios como o desta fin de semana nas Fragas do Eume son un atentado contra o noso patrimonio natural. Co lume ponse en risco unha fraga que é un espazo de incalculable valor natural e ambiental.

Coa mesma intensidade coa que denunciamos as accións delictivas, nos comprometemos a traballar conxuntamente para defender, recuperar e poñer en valor o patrimonio natural que herdarán os nosos fillos.

Todos contra o lume, todos contra os que o prenden.

Pleno Ordinario do 28 de marzo de 2012
  • Luns, 26 Marzo 2012

O próximo día 28 de marzo, ás 19:30 horas e no salón de sesións da Casa do Concello, terá lugar unha sesión ordinaria do Pleno da Corporación, no que se tratarán os seguintes asuntos:

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores.

2.- Modificación por alegacións do proxecto de humanización da N-651.

3.- Convenio entre o Arzebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Cabanas sobre a casa reitoral de Soaserra.

4.- Regulamento de honras e distincións.

5.- Mocións sobre o Día Internacional das Mulleres.

6.- Moción do grupo BNG para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro.

7.- Moción do grupo BNG de apoio á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia.

8.- Moción do grupo BNG sobre o rexeitamento da reforma laboral aprobada polo Goberno Central.

9.- Moción do grupo Mixto troco de participacións preferentes por depósitos de prazo fixo.

10.- Informes da Presidencia sobre Resolucións da Alcaldía, informes sobre a morosidade e liquidación do orzamento de 2011.

11.- Rogos e preguntas.

Galego

Arbores recicladas
  • Mércores, 14 Marzo 2012

O C.E.I.P. Eladia Mariño, en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Cabanas, levou a cabo nestes días unha actividade enmarcada dentro do programa de fomento de valores e o respecto polo medio ambiente. Este ano o programa está dedicado á figura de Wangari Maathai. Nacida en Kenia, esta muller acadou o Premio Nobel da Paz no ano 2004 pola súa defensa a ultranza do medio ambiente e a súa loita por mellorar as condicións de vida das mulleres en África. Falecida o 25 de setembro de 2011, Wangari Maathai chegou a plantar máis de 30 millóns de árbores, o que lle valeu o alcume de “Muller Árbore”.

Por iso, a actividade levada a cabo consistiu nun concurso no que participaron a práctica totalidade das familias e no que o obxectivo era a elaboración de árbores recicladas, nas que só se podía empregar material de refugallo. Os resultados poderán apreciarse ata finais de marzo tanto na casa do Concello como na Escola Laica, onde se atopan expostos os traballos realizados, todos eles de gran creatividade.

Entroido en Cabanas
  • Venres, 17 Febreiro 2012

 

Nestas festas do Entroido, o Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo diferentes actividades co gallo da súa celebración, tal e como se ven facendo nos últimos anos, por medio das súas concellerías de Cultura e de Servizos Sociais.

O primeiro dos actos que se realizará será unha festa de entroido, que se celebrará no local da asociación de veciños da parroquia de Santa Cruz de Salto. O Concello de Cabanas iniciou xa no Nadal coa práctica de rotar estes actos por todas as parroquias, buscando desta forma achegar as celebracións a todos os veciños e da mesma forma conseguir tamén que as diferentes asociacións veciñais se involucrasen máis co Concello de Cabanas.

A festa dará comezo pola tarde a partir das 17:00 horas, cunha festa infantil. Posteriormente, ás 20:00 horas procederase a unha degustación de doces típicos destas datas, e máis tarde, ás 21:00 horas, levarase a cabo un concurso de disfraces.

O segundo dos actos que organizará o Concello de Cabanas será o venres 24 de febreiro. Consistirá nun xantar que dará comezo ás 14:30 horas e que como ven sendo habitual se organizará en conxunto co Concello de Pontedeume. A idea que se busca é a de conseguir mellorar e incrementar os lazos entre as dúas veciñanzas. O xantar consistirá nun cocido típico destas datas. Para poder asistir é preciso facer inscrición previa, nos Servizos Socias do Concello de Cabanas ou ben chamando ó 981 49 59 59.

Curso de Informática Básica
  • Mércores, 01 Febreiro 2012

 

Ofrecer uns coñecementos básicos sobre o funcionamento dos ordenadores e dotar a usuarios inexpertos das nocións máis primordiais para comezar a súa andadura no mundo da informática. Estes son os obxectivos que se marcaron dende o Concello de Cabanas nunha nova oferta de cursos organizados a través da súa Concellería de Cultura.

O lugar on de se impartirán este curso será na Escola Laica de Cabanas, estando previsto o inicio o vindeiro luns día 13 de febreiro, rematando o mesmo o día 27 de febreiro. O horario no que se impartirá será de mañá, das 10:30 horas ás 12:30, e de luns a venres. En total a duración do mesmo será de vinte horas. O prazo de inscrición para poder participar neste curso de informática básica rematará o mércores 8 de febreiro. Poderase recadar máis información acerca do mesmo na Concellería de Cultura de Cabanas ou ben chamando ó 981 49 59 59.

Páxinas