Fin de semana acuático

Galego

Unha fin de semana completa dedicada ó remo. Esta é a proposta do Club KDM en colaboración co Concello de Cabanas e que foi presentada esta mañá na Galería Sargadelos de Ferrol. O obxectivo a perseguir é o de promover o piragüismo e ó mesmo tempo dar a coñecer unha modalidade que está tendo unha gran acollida recentemente como é o kayak de mar.

Con este obxectivo o Club KDM propón dúas citas en Cabanas. A primeira delas será o sábado, coa disputa da II Xornada da Liga Provincial da Coruña de piragüismo. As categorías que tomarán parte nesta regata, que ten como obxectivo fundamental o da promoción do piragüismo, serán benxamín e alevín sobre unha distancia de 1.500 metros e infantil sobre unha distancia de 3.000 metros. O horario previsto para dar comezo será as 17:00 horas.

O domingo será a segunda das citas coa celebración do I Open Galego de Kayak de Mar. Esta cita a súa vez estará composta por dúas regatas. A primeira delas celebrarse pola mañá, a partir das 11:30 horas, e será para os participantes en categoría infantil sobre unha distancia de 3.000 metros. Posteriormente pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar a regata absoluta, esta vez sobre unha distancia de 12.000 metros. A organización ten previsto que en total acudan a este I Open Galego de Kayak de Mar un total de 150 participantes. Cabe destacar da celebración desta proba que a saída das embarcacións farase desde terra, algo que se fai habitualmente nas regatas internacionais máis importantes como a baixada do Sella.

Na presentación estivo presente o Presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García, que na súa intervención quixo destacar o gran traballo que están levando a cabo tanto o Concello de Cabanas como Club KDM de Cabanas: “Ver como un club tan novo como é este traballa desta forma é moi alentador. Dende a Federación Galega de Piragüismo vemos con bos ollos iniciativas como a levada a cabo polo Concello de Cabanas, nas que se pretende promover e dar relevancia ó noso deporte. Que o KDM Cabanas, que xa conta con 40 socios federados, agora organice tres regatas nun fin de semana é algo moi alentador.”

Tamén estivo presente nesta presentación o Alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, quen non dubidou en sinalar a importancia que o deporte ten na nosa sociedade, tanto polo seu valor formativo e de saúde, como de instrumento á hora de dar a coñecer o concello e atraer turismo ó mesmo. “No seu día o Concello de Cabanas apostou polo Rallye de Terra para conseguir que o nome do municipio entrase no mundo do motor. Agora vemos no piragüismo e no kayak de mar unha nova oportunidade de promovernos, sabendo que Cabanas conta cun entorno privilexiado e que a ben seguro os visitantes que veñan han de volver outra vez dado que temos moito que ofrecer. Pero sobre todo queremos destacar a importancia que o deporte ten, tanto para a formación do individuo como mellorar a calidade de vida persoal.”

O presidente do Club KDM, Gumersindo López Iglesias, outro dos presentes na rolda de prensa, mostrábase moi ilusionado coa organización destas dúas regatas. Pero tamén quixo destacar que o KDM de Cabanas ten unha visión máis integral do deporte “o piragüismo e o kayak de mar son o noso xerme, pero para nós o importante é entender o deporte como algo máis integrador e por iso traballamos por converter o Piñeiral da Madalena en todo un centro deportivo no que practicar remo, por suposto, pero tamén outras disciplinas como o sendeirismo.”