Viaxe a Europa

Galego

Un ano máis, o Concello de Cabanas está a organizar unha viaxe por Europa. Nesta ocasión, os destinos escollidos serán Viena, Bratislava e Budapest. A viaxe comprenderá cinco días, dende o 12 ó 17 de marzo e o prazo de inscrición para poder participar rematará o vindeiro luns 21 de xaneiro.

Continúase así con esta tradición que permitiu os seus participantes coñecer xa cidades como Roma, Praga, Estambul ou Berlín. Nesta ocasión a viaxe permitirá coñecer tres cidades de Centro Europa cunha larga historia. A primeira das etapas será en Viena, antiga capital do Imperio Austro-Húngaro e onde se recorrerá o Ringstrasse, onde se levantan suntuosos monumentos como o Parlamento, o Museo de Belas Artes ou a Opera. Tamén se visitará o Pazo Schönbrunn que foi a residencia de verán dos emperadores.

A segunda parada da viaxe será en Bratislava, capital de Eslovaquia e a cidade con maior densidade de poboación de Centro Europa. A última das etapas levará os viaxeiros ata Budapest, a cidade dividida polo Danubio e capital de Hungría, onde poderán visitar o Bastión dos Pescadores, a Igrexa de Matías, a Praza dos Heroes ou a Basílica de San Esteban.

Os interesados en recadar máis información ou inscribirse nesta viaxe pódeno facer dirixíndose ó departamento de Cultura e Deportes do Concello de Cabanas, ou ben chamando ó 981 49 59 59 ou ben por correo electrónico na dirección cultura@cabanas.dicoruna.es