Un Nadal Diferente

Galego

O programa “Un Nadal Diferente” pretende ser un espazo divertido e educativo de calidade para os rapaces e rapazas que favoreza a conciliación da vida persoal e laboral das súas familias no período vacacional do Nadal, fomentando a igualdade de xénero, así como a corresponsabilidade familiar. As actividades deste programa, financiado pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabanas, levaranse a cabo entre os días 24 de decembro e 7 de xaneiro na Escola Laica, en horario de 9:30 a 13:30 horas. As prazas están limitadas a 25 sendo o prazo de inscrición os días 20 e 21 de decembro, cun custe de quince euros.

Entre os obxectivos que se perseguen con “Un Nadal Diferente” está ademais dos mencionados anteriormente o de posibilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias así como ofertar actividades creativas, lúdicas e atractivas de corte socioeducativo de calidade do mesmo xeito que fomentar o benestar e a mellora da calidade de vida das familias en xeral, promovendo a concienciación social e de promoción da igualdade en particular.

Ademais hai un descoñecemento xeral da existencia de celebracións noutras culturas, países e épocas e as súas características e as diferenzas que teñen coa que nos celebramos. Por ese motivo tamén se considera oportuno traballo e achegar de forma divertida e educativa o Nadal doutras épocas e culturas.

O que se pretende con cada un dos obradoiros que van compoñer a oferta deste programa é que os nenos e nenas coñezan, valoren e respecten, a través de xogos, dinámicas, películas, testemuñas e creacións artísticas, as festas, tradicións, comidas e adornos típicos do Nadal dos diferentes lugares do mundo e noutras épocas pasadas.