Actividades deportivas en decembro

Galego

En colaboración co club KDM, a Concellería de Cultura e Deportes de Cabanas ten previsto para as próximas datas diferentes actividades deportivas, co obxectivo todas elas de facilitar alternativas distintas ós veciños e veciñas do municipio, aproveitando a boa acollida que tiveron recentemente as rutas de sendeirismo e kayak. Un curso de iniciación e perfeccionamento en kayak e tres novas rutas compoñerán a oferta durante o mes de decembro en Cabanas.

O curso de iniciación e perfeccionamento levarase a cabo na Praia da Madalena, tendo como base a caseta de salvamento e socorrismo. Alí será cando o día 22 de decembro, as 10:30 horas terá lugar a presentación do mesmo, desenrolándose posteriormente os días 24,26,27,28 e 29 de decembro e 2,3 e 4 de xaneiro en horario de 10:30 a 12:30 horas. O obxectivo que se buscará con este curso é fundamentalmente a aprendizaxe no manexo do kayak e da pala, material básico para a práctica deste deporte ademais de transmitir os coñecementos necesarios para poder realizar con seguridade as saídas pola ría empregando material do club.

En canto as rutas que están programadas, a primeira delas terá lugar o próximo sábado 22 de decembro e será unha ruta en kayak que saíndo da Praia da Madalena percorrerá as praias de Chamoso, Río Castro, Río Sandeo, etc. A saída será ás 11:30 horas e terá unha duración aproximada de dúas horas. Como requisito imprescindible as persoas que acudan deberán saber nadar.

O domingo 23 de decembro levarase a cabo a segunda das rutas programadas, neste caso de sendeirismo. Nesta ocasión será polas Fragas do Eume tendo a saída prevista ás 10:30 horas dende a caseta de socorrismo da Praia da Madalena. Posteriormente realizarase outra saída, o 30 de decembro, recorrendo os sendeiros que, bordeando a ría, discorren entre a Praia da Madalena e o pobo de Redes. A saída tamén será dende a caseta de socorrismo as 10:30. A duración prevista das dúas rutas será de dúas horas e media.