Axudas para adquisición de libros e material escolar no curso escolar 2020/2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinados ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2020/21.

A presente orde integra as diversas modalidades de gratuidade solidaria dos libros de texto dos niveis obrigatorios de ensino: participación no fondo solidario de libros de texto en 3º,4º,5º e 6º de Educación Primaria e en 1º,2º,3º e 4º de ESO; axudas para adquirir libros de texto en 1º e 2º de Educación Primaria e en Educación Especial; e axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Ed. Primaria, ESO e Educación Especial.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I), dispoñible na aplicación informática Fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo para presentar as solicitudes iniciarase mañá, 20 de maio, e rematará o día 19 de xuño (incluído). O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2021.