Cabanas traballa en axudas para as empresas locais

O Concello de Cabanas está a traballar en novas medidas de alivio económico para combater a crise económica que está a causar a pandemia da COVID-19, para o que disporá de parte do seu remanente para un primeiro paquete de medidas dirixido a autónomos e PEMEs que se viron afectadas polo peche dos seus negocios desde a declaración do estado de alarma.

As medidas estarán enfocadas en axudas directas, e cunha fácil tramitación para axilizar ao máximo a súa obtención, co obxectivo de que o impacto da crise económica sexa menor, contribuíndo así a manter todos os postos de traballo.

Por outra banda, e xa cunha visión a medio prazo, o goberno local está preparando unha campaña de impulso dos negocios locais para desenvolver entre os meses de xuño e agosto, unha vez acadada a “nova normalidade”, coa que se fomente e dinamice a economía de Cabanas, potenciando un modelo de consumo que beneficie ao comercio local.

Completado o envío de máscaras a toda a poboación

Esta semana completouse o envío de máscaras de protección lavábeis e reutilizábeis para toda a veciñanza de Cabanas, e se estima que todo o mundo poida ter a súa no seu domicilio ao longo da semana que vén.

Para facelo posíbel, o Concello de Cabanas colabora con Correos, que se encarga da distribución. En total, repartíronse máis de 3.100 máscaras de protección, cun custo de 6.200 euros.