Guía práctica para o paseo con menores

Tras a publicación do Boletín Oficial do Estado que establece as pautas para os paseos con menores, desde o Concello de Cabanas vimos de elaborar esta pequena guía - resumo. Ademais, no arquivo anexo podedes descargar o BOE completo.

Nenos e nenas:

A partir do domingo 26 de abril poderán saír á rúa os nenos e nenas de até 14 anos (non inclusive)

Adultos acompañantes:

As nenas e nenos deben saír sempre acompañados por unha persoa adulta (sexa familiar ou coidador), que conviva con eles no mesmo domicilio. Cada adulto poderá responsabilizarse de tres menores como máximo e deberá manterse sempre a unha distancia que lles permita controlalos.

Tanto as nenas ou nenos como osadultos acompañentes deben cumprir as normas xerais para poder saír da casa: non ter síntomas compatibles co COVID-19 nin estar en corentena por ter estado en contacto con persoas que os teñan.

Cando?

Cada día, desde as 09:00 até as 21:00 horas, durante unha hora diaria como máximo.

Onde?

As saídas deben realizarse nun radio de como máximo 1 km con respecto ao domicilio. Nas zonas urbanas, poden pasear polas beirarrúas, pero recoméndanse espazos abertos que permitan un maior distanciamento social como paseos (Paseo Marítimo, Senda entre pontes) e elementos naturais (Praias, piñeiral da Madalena). Nas zonas rurais, poden pasear por camiños, campos e bosques. Non se poden empregar pistas deportivas nin xogos ou parques infantís, que permanecerán pechados.

Como?

Interaccións:

É fundamental respectar as medidas de distanciamento con respecto a outras nenas ou adultos. Os menores non poderán xogar con outra rapazada fóra da súa unidade familiar, e tanto menores como adultos deberán manterse a máis de dous metros de calquera persoa coa que non convivan.

Actividades permitidas:

As nenas e nenos poden correr, xogar, facer exercicio... poden empregar os seus propios xoguetes ou elementos presentes na natureza, como area da praia. Non poderán empregar xogos ou parques infantís.

Hixiene:

Todas as nenas e nenos recibirán nos seus domicilios unha máscara infantil, enviada polo Concello, a partir do luns 27 de abril. O uso de máscaras é recomendábel, mais non obrigatorio. É unha medida de seguridade máis. Deben empregarse segundo as normas establecidas, tendo moito coitado de non contaminarse.