Reforzo dos controis por estrada ante a posible chegada de persoas foráneas por Semana Santa

Os municipios que integran a Macomunidade de Concellos de Ferrol (Ferrol, Narón, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño) extreman estes días os controis de vixilancia ante a proximidade da Semana Santa e a previsión de que con motivo destas datas poidan desprazarse persoas procedentes doutras cidades que teñen aquí unha segunda residencia ou que se dispoñen a aproveitar esas datas para facer turismo. Os axentes da Policía Local de todos os municipios e a Garda Civil reforzan os controis por estrada para velar polo cumprimento das medidas en vigor con motivo do estado de alarma, que prohíbe desprazarse do domicilio habitual, entre outras obrigas, para evitar a propagación do coronavirus.
 
Dende os concellos xa advertiron que no caso de detectarse que algunha persoa con domicilio noutra localidade se desprace ata os concellos da Mancomunidade tramitarase a pertinente denuncia ante a Subdelegación do Goberno en Galicia. Estes controis xa se están realizando dende que se decretou o estado de alarma, pero o feito de que nalgúns municipios da Mancomunidade se detectase nos últimos días a apertura e tarefas de limpeza en inmobles propiedade de persoas foráneas, levará a intensificar a vixilancia de cara á chegada da Semana Santa. 
 
Dende a Mancomunidade solicítase á poboación a máxima colaboración no cumprimento das medidas do estado de alarma, facendo especial fincapé en evitar desprazamentos a segundas residencias, “para entre todas e todos poder frear o avance da pandemia da Covid-19 e, en canto sexa posible e así o informen as autoridades competentes, poder retomar a normalidade coas máximas garantías sanitarias e volver a disfrutar todas e todos, veciñanza e foráneos, do potencial que ofrece a comarca de Ferrolterra”.