Axudas ás familias do alumnado beneficiario das bolsas de comedor durante a suspensión do servizo

O Concello de Cabanas informa da Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar nos centros públicos non universitarios xestionados por esta consellería durante a situación de suspensión do servizo de comedor como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento ED601B).

Poderán ser beneficiarias destas compensacións as familias con un ou máis fillas/os escolarizados en centros públicos xestionados por esta consellería que teñan a condición de comensais gratuítos ou pagadores dun euro nas relacións de comensais correspondentes ao 31 de xaneiro de 2020, e o outorgamento das mesmas realizarase de xeito directo.

As axudas económicas previstas consisten nunha compensación do custo diario do menú por comensal, entendido como o servizo de comida ao mediodía, e polos días lectivos de suspensión da presentación do servizo como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Aquelas familias que acrediten dificultades para formalizar a solicitude por medios electrónicos poderán solicitar que o equipo directivo do centro educativo en que se escolarizan as/os súas/seus fillas/os colabore na formalización da solicitude. Para estes efectos, os centros con comedor escolar habilitarán un horario específico que anunciarán ás familias.

A solicitude será única por cada familia e incluirá a totalidade das fillas e fillos escolares de ensinanzas obrigatorias.

Establécese un prazo especial de presentación de solicitudes que comezará o día seguinte ao da súa publicación no DOG e rematará o 6 de abril, ambos os dous incluídos.