Cabanas amplía as medidas de prevención polo coronavirus

Logo da comparecencia realizada polo Presidente do Goberno do Estado a primeira hora desta tarde, na que se anunciou a declaración do Estado de Alarma, e tras ter detectada a chegada de numerosos visitantes desde comunidades cun alto número de casos por COVID-19, o goberno de Cabanas vén de publicar un novo decreto que actualiza o bando emitido na mañá de onte.
 
O goberno de Cabanas chama á responsabilidade destas persoas chegadas desde comunidades autónomas afectadas gravemente pola pandemia do COVID-19, para que non saian dos seus domicilios ou estancias, tal e como recomendan as autoridades sanitarias para evitar así a propagación do coronavirus.
 
A través dun decreto, que amplía o bando publicado no día de onte, o Concello de Cabanas informa tamén do peche inmediato dos parques infantís e instalacións deportivas, e introduce as limitacións de aforo emitidas pola Xunta de Galiza e a suspensión do servizo do Punto de Atención á Infancia, cuestión que no día de onte foi trasladada ás familias, traballadoras e empresa encargada da xestión do servizo.
 
Á espera das medidas que poida determinar o Consello de Ministros deste sábado, o Concello de Cabanas conta cun protocolo de actuación para manter un servizo á veciñanza garantindo a seguridade das traballadoras e traballadores municipais.
 
Todas estas medidas serán de aplicación nos próximos 14 días, podendo ser revisadas ou ampliadas conforme á evolución dos feitos.
Archivo: