Cabanas participa no proxecto Camiños de Identidade

O Concello de Cabanas vén de anunciar a súa participación no proxecto Camiños de Identidade, que xurde como oportunidade para crear dinámicas de desenvolvemento rural en cinco concellos galegos a través dun enfoque participativo e turístico.
 
Tras unha análise do potencial de Cabanas e demais concellos participantes, iniciada hai uns meses, identifícanse os recursos que supoñen no seu conxunto a esencia cultural de Galicia e que se complementan baixo a marca “Camiño de Identidade”, permitindo crear un produto turístico a nível local e a nível galego.
 
“Cabanas ten un inmenso potencial turístico por descubrir e traballar” sinalou o tenente alcalde e responsábel da área, Iago Varela, quen puxo en valor este proxecto “que une cinco concellos diversos unidos polo Camiño de Santiago”.
 
Levarase un evento en cada concello, onde se realizarán entre outras actividades unha ruta interpretativa e a presentación da identidade e posta en valor. As actividades serán abertas ao público e de balde con inscrición previa. No caso de Cabanas terá lugar o 4 de abril.
 
O resto de eventos terán lugar en Mondoñedo (1 de febreiro), Rodeiro (9 de febreiro), Triacastela (29 de febreiro) e Porqueira (14 de marzo).