Cabanas participou na xornada sobre malnutrición infantil e obesidade de UNICEF

Unha representación do Grupo de Representantes da Infancia e Adolescencia do Concello de Cabanas participou esta mañá na xornada "Malnutrición, obesidade infantil e dereitos da infancia" organizadas por UNICEF na Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha das representantes de Cabanas, Andrea Briceño García, exerceu de poñente en dita xornada, e na súa intervención defendeu o dereito básico de que as nenas e nenos poidan beneficiarse dunha dieta saudábel e sostíbel, como o son a atlántica e a mediterránea. Tampouco quixo que quedaran excluídos os dereitos a ter dietas menos maioritarias, como a ovolacteovexetariana, a vexetariana ou a vegana, e fixo fincapé na necesidade de ofrecer máis información ás familias sobre a alimentación consciente, evitando así a mala nutrición e polo tanto previndo consecuencias negativas na saúde.

Andrea falou tamén da importancia do deporte e as actividades grupais, que repercuten na prevención do sobrepeso e obesidade, e se queixou publicamente das dificultades que impón a propia sociedade para manter un estilo de vida saudábel (excesiva publicidade de comida procesada, máquinas expendedoras de produtos - lixo, ...

A representante de Cabanas rematou o seu discurso coa seguinte intervención: "Nós, as rapazas e rapaces pertencentes ao Grupo de representantes da infancia e adolescencia do Concello de Cabanas, temos conciencia sobre a importancia da nutrición, e estamos tentando concienciar ao resto de cabanesas e cabaneses”. De feito, unha das propostas que tentará levar o grupo de representantes local co apoio da corporación municipal é unha campaña sobre alimentación saudábel dirixida á poboación máis nova.