Cabanas mantén o fluxo de turistas no mes de setembro

Toca cambio de estación, remata o verán e chega o outono, pero as portas da Oficina de Información Turística de Cabanas continúan abertas nun novo horario para dar asistencia ao continuo fluxo de visitantes que pasan polo noso concello cada día. E, como cada mes, os encargados de prestar este servizo veñen de presentar as estatísticas finais do número de persoas que acudiron a Punto de Información do Areal ao longo do mes de setembro, que se sitúan nos 660 visitantes, dos cales 456 eran persoas en peregrinación da ruta xacobea cara Santiago de Compostela.
 
A este respecto, as cifras evidencian que o Camiño Inglés segue a consolidarse como un recurso de primeira orde que permite a Cabanas manter unha afluencia mínima de turistas, incluso máis aló da época estival. O 68,15% das consultas realizadas corresponden ás demandas de información sobre as etapas, trazado do Camiño e aloxamentos.
 
Nun plano diferente de análise, relacionado coas nacionalidades daqueles que chegan a Cabanas, atopámonos con que o turismo interno supuxo en setembro un 59,4% do total, sendo as Comunidades Autónomas de procedencia máis habituais as de Madrid (67 persoas), Galicia (55), Andalucía (48), Castela e León (48) e Catalunya (38). Trátase, deste modo, do terceiro mes consecutivo no que os tres primeiros postos son ocupados por estes territorios, que sumados representan un 42,39% do volume de turistas nacionais.
 
En cambio, no tocante ás procedencias do extranxeiro, o feito que destaca sobre o resto é o grande incremento experimentando polo turismo británico se o comparamos cos períodos anteriores. Así, este sector pasou dos 21 visitantes en xullo e dos 10 de agosto a acadar un total de 46 persoas no mes de setembro, sendo ademais, todos eles peregrinos que estaban a facer o Camiño Inglés. Non obstante, pese a isto, os italianos seguen a ser novamente o principal perfil dos foráneos que pasan por Cabanas (56 persoas), seguidos de británicos, alemáns (41), rusos (21), portugueses (14) e estadounidenses (14).
 
Novo horario de atención
 
Coa chegada do outono a Oficina de Información Turística de Cabanas muda o seu horario, atendendo ás persoas visitantes en horario de 10 a 14 horas de mércores a venres e de 10 a 17 horas os sábados, domingos e festivos.
 
Nova perfil en Instagram
 
O Concello de Cabanas tamén estrea perfil de turismo en Instagram, no que se irán publicando imaxes e información sobre o concello orientada á veciñanza e visitantes. Pódese seguir en @cabanasturismo.