Cabanas inicia un plan de compostaxe doméstica co reparto de composteiros entre a veciñanza

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Medio Ambiente, vén de pór en marcha un plan de compostaxe doméstico, que ten como principal obxectivo a implicación da veciñanza na redución dos residuos xerados, contribuíndo así a mellorar o medio ambiente e, ao tempo, reducir a factura anual de recollida de lixo.

Para facilitar a participación da veciñanza nesta iniciativa, o Concello de Cabanas repartirá, en colaboración con SOGAMA e de maneira gratuíta, composteiros de uso doméstico de 400 litros de capacidade, que serán entregados por orde de petición.

O prazo para solicitar un composteiro está aberto desde hoxe, e as persoas interesadas deben entregar no rexistro unha instancia que poden atopar tanto na páxina web cabanas.gal como nas oficinas municipais, co compromiso de participar no plan e asistir a unha formación presencial sobre o tema que se realizará unha vez que se complete o reparto.

A compostaxe fai posíbel a eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento, dun xeito natural e outorgando a eses residuos unha segunda vida como abono.