Cabanas opta ao premio internacional CFCI pola súa campaña #CabanasDiversa

O Concello de Cabanas compite coa súa campaña #CabanasDiversa polo premio ao lugar máis acolledor do mundo para a infancia e a adolescencia nos Child Friendly Cities Inspire (CFCI) Awards 2019 de UNICEF, un certame no que participan un total de 226 vilas e cidades de 36 países de todo o planeta.

A campaña #CabanasDiversa tivo lugar arredor da celebración do Día do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño, e contou cunha programación variada na que o grupo municipal de representantes da adolescencia de Cabanas, denominado Cabanas en Acción, tivo unha especial implicación, tanto no pintado do Banco da Diversidade e do muro do Punto de Atención á Infancia, como na elaboración e distribución do material da campaña.

“O obxectivo da campaña #CabanasDiversa é construír un concello diverso e aberto ás diferentes formas de sentirse e de amar”, sinalou a Concelleira de Muller e LGTBI, Paula González, quen tamén explicou que o proxecto serviu para “empoderar á mocidade de Cabanas para ser parte activa e transformadora do noso concello, defendendo os dereitos fundamentais da infancia e da adolescencia”.

A comezos de setembro a organización do concurso dará a coñecer os finalistas dos CFCI Awards 2019 e, posteriormente, os proxectos gañadores da iniciativa.