O Concello de Cabanas licita máis de 340.000 euros en obras de mellora de camiños e instalacións municipais

O Concello de Cabanas anunciou esta semana a licitación de máis de 340.000 euros repartidos en seis actuacións, a realizar en diferentes puntos do concello. Nelas, inclúense melloras en varios camiños, reparacións na Escola Laica e un proxecto de abastecemento de auga.

As obras de mellora de camiños van encamiñadas a mellorar o estado do firme e da seguridade en accesos que na actualidade se atopan altamente danados. Son os viais de Vilachá, Fonfría, Pinemar, Os Sauces A, Val de Abaixo, Carballo de Abaixo – Lamelas, Travesía Tras da Vila e do camiño de Lavandeira a Igrexario.

Doutra banda levarase a cabo a reparación da terceira fase do emblemático edificio da Escola Laica de Cabanas, situada no lugar da Torre, o que suporá ter o local practicamente preparado para dotalo de uso, un dos grandes obxectivos do goberno local.

Por último, tamén se seguirá ampliando a rede de subministros básicos coas obras para achegar o servizo de abastecemento á veciñanza do lugar de O Peón, en Laraxe.

Desde o goberno local sinálase que todas as actuacións que se inclúen nestas licitacións son obras que contan cunha alta demanda entre a veciñanza, e engaden que o executivo xa está a planificar as obras que se levarán a cabo ao longo do próximo ano 2020.

Catro das seis obras previstas nas licitacións en marcha serán financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2019 da Deputación, unha co remanente do POS+ 2018 e a outra a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019 – 2020 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O prazo de presentación de ofertas remata o 3 de setembro en tres das obras, o 4 de setembro noutras dúas e o 10 de setembro na última.