O Concello de Cabanas presenta alegacións aos proxectos de transporte de viaxeiros por estrada

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Mobilidade, presentou un total de cinco alegacións aos proxectos de explotación de servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, xa que a planificación actual de liñas de autobús deixan moitos lugares do concello inatendidos, particularmente nas fins de semana, cando se reducen notabelmente as frecuencias.

Nas diferentes alegacións, o Concello de Cabanas pide a creación dunha liña de interese municipal para conectar todas as parroquias e mellorar a cohesión interna, achegando á veciñanza das parroquias con menos frecuencias aos servizos e á conexión coa liña A Coruña – Ferrol, así como o aumento de frecuencias nas liñas que pasan por Laraxe, a creación dunha parada no polígono industrial Vilar do Colo e a ampliación do horario da liña Mugardos – Pontedeume a todas as tardes para dar servizo ao estudantado dos ciclos formativos.

“A situación actual fai que moita xente non teña alternativa de transporte máis aló dos vehículos particulares”, denunciou o tenente alcalde e concelleiro de mobilidade, Iago Varela, quen concretou que “O obxectivo destas alegacións é que toda a veciñanza do noso concello, viva onde viva, teña acceso aos servizos da zona urbana e ás conexións coas liñas coas principais cidades da contorna”.