22 anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O 29 de xaneiro de 1999 o Concello de Cabanas acordou no pleno asociarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, sendo o socio número 30. Na actualidade son 100 as administracións que forman parte deste proxecto, 97 concellos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Nestas datas, o Fondo cumpre 22 anos fornecendo a colaboración das entidades locais na cooperación ao desenvolvemento, garantindo así unha xestión profesional e transparente dos recursos e realizando accións con impacto.

Até o de agora, o Fondo Galego desenvolveu máis de 150 proxectos en preto de 30 países empobrecidos, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, nos últimos anos, Mozambique. Auga e saneamento, vivenda, xénero, educación ou saúde son algúns dos sectores de actuación. Tamén ten ofrecido axuda de emerxencia perante conflitos bélicos e catástrofes naturais, coma o terremoto en Haití ou o desprazamento de persoas refuxiadas.

Ademais, o Fondo Galego promove nos concellos socios numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía a prol de cuestións como a solidariedade internacional, a realidade do Sur, a loita contra a pobreza e as desigualdades, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas... Para iso oferta diversas exposicións, documentais, contacontos e obradoiros, espectáculos musicais, teatrais, etc. ás que se pode acceder de balde.

Na súa páxina web pódese descubrir moito máis sobre as actividades que se desenvolven desde o Fondo.