Obradoiro de animación á lectura para familias no Concello de Cabanas

Galego

As persoas interesadas en participar na actividade, gratuíta e que guiará Lara Soto, deben anotarse no departamento municipal de Servizos Sociais

Cabanas, 14 de maio de 2019. O Concello organiza este luns 20 de maio un Obradoiro de Animación á Lectura a cargo de Lara Soto. Arrancará ás 17 horas no local social das Viñas e a participación é completamente gratuíta, aínda que se require de inscrición previa. Para anotarse, debe enviarse un correo electrónico ao enderezo servizos.sociais@cabanas.gal ou chamar ao teléfono 981 49 59 59 ext. 2 ou 6.

A actividade incluirá xogos de motivación e imaxinación, contacontos e a construción dun pequeno espazo de difusión das lecturas máis populares, polo que se pide que as familias leven algúns dos seus libros favoritos.

O obradoiro enmárcase no proxecto “Tempo de Familias” do Programa Municipal de Acción Social Municipal e con el quérese festexar en familia o Día das Letras Galegas propoñendo ideas para fomentar a lectura nos fogares, aprender a ser contacontos das nosas crianzas e intercambiando propostas de títulos dos libros que máis gustan na infancia.