Os participantes no obradoiro Eume Emprende III inician o acondicionamento das zonas verdes das rotondas do paseo

Galego

O obradoiro dual de emprego Eume Emprende III, que impulsan conxuntamente os municipios de Cabanas, Pontedeume e Monfero, vén de entrar na súa fase práctica e, estes días, alumnos e alumnas iniciaban algúns traballos a pé de campo. Máis concretamente, e segundo apuntan as concellerías de Obras e Servizos, os participantes na especialidade de xardinería comezaban o acondicionamento das zonas verdes centrais das cinco rotondas emprazadas ao longo do paseo do piñeiral da Madalena. Nestes espazos crearán fermosas composicións con diferentes deseños e especies vexetais.

Este obradoiro, que conta cunha subvención de 303.807 euros da Xunta de Galicia, busca facilitar a incorporación ao mercado laboral de veciños e veciñas en situación de desemprego dos tres municipios. Ten 20 prazas e unha duración de 9 meses.

Amáis dos traballos de mantemento e mellora do paseo, parque e praia da Madalena, así como traballos de mantemento e mellora das zonas axardinadas na contorna do concello de Cabanas, na fase práctica tamén se levarán a cabo actuacións como a creación dun souto no entorno do mosteiro de Monfero, mantemento e saneamento das zonas axardinadas do entorno do centro de saúde, da casa consistorial e nave de servizos en Rebordelo en Monfero; mantemento da zona verde do parque Alcalde Sarmiento, e mantemento da zona verde do paseo marítimo de Pontedeume.

Image: 
Tags: