O Concello invita á veciñanza a participar na construción das trampas contra a velutina

Galego

Organiza encontros na antiga consistorial os sábados á mañá

Cabanas, 07 de marzo de 2019. Por terceiro ano consecutivo, a Concellería de Servizos de Cabanas invita á veciñanza a participar na campaña contra a vespa velutina deseñada polo Concello. E, novamente, propón acudir os sábados pola mañá á antiga consistorial para axudar á construción das trampas que se instalarán nos vindeiros meses. Unhas trampas que se elaborarán a partir de botellas de plástico, que tamén se poden achegar. Como tamén poderán levar os/as particulares unha vez feitas para colocar nas súas propiedades, contribuíndo así á iniciativa.

Nesta liña, a concelleira de área, Eva García, avanza que os encontros comezarán este sábado, 9 de marzo, entre as 10 e as 12 horas. Non é preciso inscrición previa, basta con presentarse no inmoble. Iso si, recoméndase levar un cúter para facilitar as tarefas.

A iniciativa forma parte do programa municipal co que minimizar o impacto que está a causar esta especie invasora e que tan bos resultados deu ata a data. Así, de en 2017 o Concello retiraba 470 raíñas, evitando por tanto outras tantas colmeas, no 2018 o número caía ata as 66, constatando os bos resultados das medidas levadas a cabo nese periodo.

 

Tags: