O Concello de Cabanas conmemora o Día da Muller baixo o lema “Colga o mandil. Se nós paramos, para o mundo”

Galego

Anima a colgar mandís nas fachadas de vivendas, comercios, locais… como medida reivindicativa e organiza obradoiros nos centros educativos

Cabanas, 4 de marzo de 2019. Reivindicando o establecemento definitivo da corresponsabilidade porque os coidados son cousa de todos e de todas, o Concello de Cabanas centrará este ano a conmemoración do Día da Muller baixo o lema Colga o mandil “Se nós paramos, para o mundo”. Por iso, convida á veciñanza e ás entidades do sector educativo, social, cultural e empresarial do Concello de Cabanas a colgar durante toda a semana mandís nas fachadas de vivendas, comercios, locais, etc. Así mesmo, esta mañá abría a inscrición nun obradoiro para familias de decoración de mandís conmemorativos e reivindicativos do Día da Muller que se levará a cabo no CEIP Eladia Mariño este xoves 7 de marzo ás 17 horas. No transcurso do mesmo, tamén está prevista a actuación de Caxoto Contacontos. As persoas interesadas en tomar parte deben anotarse no departamento municipal de Servizos Sociais –planta baixa da casa consistorial ou chamar ao teléfono 981 49 59 59 extensión 3 ou 6-.

Así mesmo, ao longo desta semana, o Concello de Cabanas tamén promoverá diferentes actividades de concienciación no CEIP Eladia Mariño e no PAI das Viñas. Máis concretamente, e en horario lectivo, ofrecerá os Contos pola igualdade de Caxoto Contacontos e un obradoiro de chapas 8M Cabanas.

Dende a Concellería de Servizos Sociais sinálase que un dos piares da desigualdade entre mulleres e homes é a imposición social de que os coidados (tarefas do fogar, de crianza e asistenciais) sexan responsabilidade das mulleres e, con estas accións, quere dar recoñecemento social e poñer en valor os coidados que levan a cabo as mulleres, xa que son imprescindibles para a sociedade.

Doutra banda, o Concello lembra que continúa aberto o prazo de inscrición nunha nova edición do Xantar Solidario de Cabanas que organiza coincidindo co Día da Muller. Celebrarase o 10 de marzo, no local da SCRD San Mamede de Laraxe, e as persoas interesadas en tomar parte poden facer a súa reserva chamando ós teléfonos 981 49 59 59 e 648 850 126 ou anotándose na casa consistorial. O prezo é de 15 euros e o prato principal será o cocido. Así mesmo, o xantar inclúe baile con música en directo a cargo do grupo Maracuyá.

Image: