O Concello de Cabanas proxecta a creación dun Punto de Atención Infantil

Sen definir

Unha das prioridades que ten marcado o Concello de Cabanas é o de mellorar os servizos que se ofertan ós veciños e veciñas do municipio. Por ese motivo, entre os diferentes proxectos que o concello ten previsto levar a cabo a través do Fondo Estatal de Inversión Local atópase o da rehabilitación e adaptación da escola municipal “Alcalde Álvaro Puente”, máis coñecido como a Escola de As Viñas, para a creación dun Punto de Atención Infantil (P.A.I.).

Este P.A.I. trátase dun centro de coidado para nenos e nenas con idades entre os 0 e os 3 anos, e contará con vinte prazas, sendo o seu obxectivo o de facilitar e axudar a conciliar a vida laboral coa familiar. O centro estará atendido por profesionais que se ocuparán das necesidades dos nenos e nenas, ofrecendo deste xeito un coidado axeitado que permita ós pais e nais de Cabanas o compatibilizar os seus traballos co coidado dos seus fillos.