Tempo de Familias

Galego

A penúltima das sesións do obradoiro Tempo de Familias, educando en preescolar, que organizan os Servizos Sociais do Concello de Cabanas, desenvolveuse na xornada de onte na Escola Laica. Nesta ocasión foron varias as actividades que se levaron a cabo: unha exposición de traballos, unha actuación dun contacontos e un coloquio final.

A primeira das actividades que se levou a cabo nesta xornada foi unha exposición dos traballos que realizaron os participantes neste obradoiro. Estes traballos consistiron en collages feitos polos nenos e nenas, axudados polos seus pais e nais, nos que se empregaron diferentes materiais e técnicas.

Logo desta exposición tivo lugar a actuación de Caxo Contacontos, quen contou unha serie de contos adaptados as idades dos máis cativos. Posteriormente desenvolveuse un coloquio acerca do mundo do conto e as súas posibilidades e vantaxes no desenvolvemento mental e social dos nenos e nenas.

O día 6 de xuño terá lugar a última das sesións deste obradoiro, que se retomará posteriormente no mes de outubro. Esta última consistirá nunha merenda que se organizará no parque do Antigo Concello, na que haberá ademais xogos, cancións e máis contos.