O Concello abre a inscrición no programa “Club +60. Encontro de Maiores”

Galego

Con participación gratuíta, celebrarase todas as semanas en Laraxe

Cabanas, 11 de febreiro de 2019. O Concello de Cabanas vén de abrir o prazo de inscrición nunha nova edición do seu programa “Club +60. Encontro de Maiores”. Un espazo para o encontro e a participación das persoas maiores co fin de realizar tarefas de carácter cultural e educativo. É completamente gratuíto e arrancará o 15 de febreiro. A partir de aí, celebrarase cada venres de 17 a 18,30 horas no local social da SCRYD San Mamede de Laraxe. Para anotarse é preciso presentar a solicitude no departamento municipal de Servizos Sociais (pranta baixa da casa consistorial ou chamando ó teléfono 981 49 59 59 extensión 6).

O alcalde, Germán Castrillón, explica que os obxectivos do “Club +60” pasan por fomentar a participación activa das persoas maiores de 55 anos en actividades saudables; promover unha estimulación cognitiva e previr o illamento social favorecendo as relacións interpersoais.

No programa, as persoas participantes realizarán actividades de alfabetización básica, exercicios de atención e memoria, xogos educativos... actividades socioculturais de corte interxeneracional como “A nosa memoria” ou “O noso Concello” e sesións especiais en colaboración con asociacións ou institucións como Asfedro, a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra ou a Garda Civil.