O Concello de Cabanas inicia o expediente para outorgar a Medalla de Ouro de Cabanas a Antonio López Vila

Galego

Con preto de catro décadas de servizo na Administración local, está a punto de cumplir o cuarto de século como secretario-interventor en Cabanas

O alcalde, Germán Castrillón, destaca a súa total entrega e adicación ao cargo

Cabanas, 29 de xaneiro de 2019. O Concello de Cabanas vén de iniciar o expediente para outorgar a distinción da Medalla de Ouro ó secretario-interventor municipal, Antonio López Vila. Segundo explicou o alcalde, Germán Castrillón, deste xeito a veciñanza quere recoñecer a total entrega e adicación ao cargo de López Vila, cando está a punto de cumplir o cuarto de século no mesmo. No día de hoxe, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba o anuncio e sometíase a información pública, por espazo de 15 días. Durante este tempo, ademais de aportarse a documentación xustificativa dos méritos, poderán comparecer no expediente cantas persoas o desexen para contrastar datos ou xuízos que procedan en relación coa proposta de merecementos e as evidentes constancias de servizos, feitos ou actuacións.

Antonio López Vila, persoa moi querida en Cabanas, conta cunha traxectoria profesional de 38 anos. Todos eles, adicado á Administración local. Primeiro no municipio de Muras, despois en As Pontes e, nos últimos 24 anos, en Cabanas.

Como profesional da Administración Local sempre estivo na primeira liña da profesión. Así, participou nas reunións e debates coa Dirección General de Administración Local sobre a regulación do "Régimen jurídico de los funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter nacional" que deu lugar ao RD 1174/1987, chegando a formar parte dun proxecto previo de Asociación nacional ante o inmobilismo do Colexio profesional. Formou parte da Xunta Directiva do Colexio Provincial de Lugo e do Colexio Provincial da Coruña foi Secretario durante doce anos, continuando na actualidade como membro da Xunta Directiva. Tamén participou nas reunións para constituír unha Federación Galega que agrupase aos catro colexios provinciais.

Tivo tamén unha participación nas Asociación de pais e nais, sendo presidente da Federación Provincial de Lugo, e membro da Xunta Directiva da Federación Provincial da Coruña e da Confederación Galega, representante na Asemblea Nacional e membro do Consello Escolar de Galicia. Neste sentido estivo levando a participación e constitución dos Consellos escolares municipais.

Persoa amable e afable, dialogante e traballador incansable, a súa experiencia e formación continua fan de Antonio López Vila un profesional imprescindible.

Image: