O Concello mellorará o equipamento do Punto de Atención á Infancia cunha achega duns 16.000 euros procedente da Xunta

Galego

O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, avanza a dotación de conexión a Internet e a adquisición de equipos informáticos para favorecer a aprendizaxe dos máis pequenos a través das novas tecnoloxías

Cabanas, 3 de decembro de 2018. O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, informou esta mañá de que o Concello investirá algo máis de 16.000 euros na adquisición de novo equipamento e actuacións de mellora no Punto de Atención á Infancia (PAI) das Viñas procedente dunha subvención da Consellería de Política Social. O departamento autonómico daba o seu visto bo ó proxecto presentado pola Administración local e, un ano máis, brindaba o seu apoio para continuar mellorando as instalacións municipais, claves dende a súa apertura para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias de Cabanas con fillos e fillas de entre cero e tres anos. Un servizo que a día de hoxe ten todas as súas prazas cubertas.

Así as cousas, ese investimento destinarase, entre outras cousas, á adquisición de mobiliario tanto para o interior como para o exterior do centro e, máis en concreto, mercarase unha lavadora-secadora, unha plastificadora, unha mesa de luz, un expositor de libros e un valado infantil. Así mesmo, a achega permitirá a adquisición dun ordenador portátil, unha impresora, un proxector e a dotación de conexión a Internet, de modo que se favoreza a inmersión dos pequenos usuarios/as nas novas tecnoloxías e estas se incorporen o método de ensinanza das instalacións.

A subvención concedida inclúese na liña de Axudas para a mellora da rede pública de escolas infantís, operación financiada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 “Conseguir unha educación de calidade, Unha maneira de facer Europa”.

Image: